Unha sesión de matemáticas en acción

 

Hoxe quero compartir un pequeno anaco dunha sesión típica de matemáticas co meu alumno, na que combinamos materiais manipulativos, comunicación aumentativa e actividades adaptadas ás súas necesidades.

Comezamos repasando as táboas de multiplicar cun material de Blog Mundo Especial que é manipulativo e que lle encanta. Sempre repetimos a actividade dúas veces: primeiro fai as dez táboas de multiplicar, e despois dime “agora outra vez”, así que repetimos todo.

Sempre aproveito cada oportunidade para expandir frases e vocabulario. Por exemplo, se el di en primeira persoa “quero repetir”, eu amplío a frase en afirmativo: “Quero repetir a táboa do dous”, para que logo el repita exactamente como o escoita. Ás veces fago esta expansión no comunicador,  e outras veces simplemente de maneira oral, ampliando a frase, pero sempre con coidado de que el poida repetir tal cal. Esta estratexia funciona moi ben, porque lle permite practicar linguaxe oral e consolidar estruturas, ao mesmo tempo que participa activamente na actividade.

Logo traballamos os conceptos de maior e menor, aproveitando para introducir no comunicador vocabulario clave que utilizaremos en matemáticas durante moitos anos, como “maior que” ou “menor que”. O alumno edita e utiliza estes conceptos nas súas actividades, o que lle motiva moito, xa que lle gusta escoitar o feedback auditivo e participar activamente co seu comunicador.

Tamén utilizamos o libro adaptado de Pictociencia, que reforza o aprendizaxe e a motivación, e facemos algúns problemas con axuda do ábaco e fichas adaptadas ás súas necesidades, elaboradas por min como mestra que o coñece ben.

Este pode ser un exemplo dunha sesión de matemáticas, pero sempre hai moitas cousas que van pasando ao mesmo tempo que non se capturan nunha única foto. Só quería ofrecer unha pequena mostra do noso día a día en clase.








Comentarios