Na formación de onte sobre CAA (Comunicación Aumentativa e Alternativa), un pai preguntoume:
“A terapeuta díxome que non lle diga ‘ben’ ao meu fillo cando fai cousas que xa debe facer. Por que?”
Unha pregunta moi habitual. A resposta, como case sempre cando falamos de apoio a nen@s con necesidades complexas de comunicación, é: depende.
Desde a perspectiva da CAA, o reforzo é unha ferramenta fundamental. Axuda a consolidar aprendizaxes, a motivar a comunicación e a reforzar a autonomía. Pero non todos os reforzos funcionan igual en todos os contextos, nin teñen o mesmo efecto en todas as persoas.
Dicir “ben” non é incorrecto, pero cando se utiliza de forma automática, sen intención nin contexto, pode perder o seu valor. Incluso, ás veces, pode facer sentir mal a quen o recibe, especialmente se se emprega como se se falase cun neno pequeno por cousas que xa domina de sobra.
Todo depende da situación, do momento, da persoa.
Hai accións que para uns parecen sinxelas, pero para outros son auténticos retos. E aquí quero facer unha confesión persoal: eu mesma, que escribo este blogue, teño nula orientación espacial (que non especial!). Para min, atopar un camiño pode ser tan difícil como para outros resolver un problema de matemáticas. Necesito ensaiar os traxectos acompañada, e que me digan “vas moi ben”, “seguiches moi ben ese camiño”, “case estás, moi ben!”... Eses eloxios, lonxe de infantilizarme, dánme seguridade.
Noutro extremo, lin tamén experiencias de nenos aos que non se lles presumía competencia: tratábanlles como se non soubesen facer nada, e os “ben” constantes, por cousas que sabían facer de sobra, facíanlles sentir inferiores. Non se sentían recoñecidos, senón subestimados.
Por iso insisto tanto en que o reforzo debe ser consciente, específico e respectuoso. En vez de dicir simplemente “ben”, podemos dar información clara:
“Encántame como usaches o comunicador.”
“Fixeches ti só a tarefa, moi ben pensado.”
“Esperaches con moita paciencia, grazas por iso.”
Non é cuestión de deixar de reforzar. É cuestión de coñecer. Coñecer á persoa, o momento, o que está aprendendo ou xa ten adquirido, como se sente, o contexto no que está.
Porque na CAA, e na vida, como canta Pau Donés, todo DEPENDE. E recoñecer iso é o primeiro paso para acompañar mellor.
Comentarios
Publicar un comentario