A miña primeira formación con familias: entre o medo e a emoción

 

Onte vivín unha experiencia inesquecible. Pasei a mañá dun sábado acompañada por vintecinco familias cunha motivación común: mellorar a comunicación dos seus fillos e fillas a través dun comunicador dinámico e da linguaxe natural asistida.

Confeso que estaba moi nerviosa. Non son unha persoa especialmente segura de min mesma, e adoito precisar validación externa. Pode que sexa consecuencia dunha etapa escolar na que, demasiadas veces, me sentín perdida, diferente e pouco comprendida.

Non sei exactamente por que, pero sempre me sentín atraída pola diferenza: pola ovella negra, polo “can verde”, por aquelas persoas ás que lles poñen a etiqueta de “raras” ou “frikis”. Espazos nos que non se xulga, senón que se anima a seguir sendo unha mesma.

Por cousas da vida acabei sendo mestra de pedagoxía terapéutica e, máis adiante, por oposición, mestra de audición e linguaxe.

O feito de ser “un pouco marxi” na escola, de sentirme fóra de lugar e de ter unha sensibilidade extrema nun entorno onde se premia a afouteza, converteume nunha persoa fondamente empática e comprometida coas minorías que carecen de apoio. Estes factores, xunto coa realidade que atopei ao comezar a traballar como mestra, foron o motor que me trouxo ata aquí.

Ver nenos e nenas sen linguaxe oral, sen apoios, sen materiais educativos accesibles máis alá dos libros de texto pechados e uniformes, levóume a buscar alternativas: a ler, a preguntar, a investigar… algo que lles puidese axudar.

O meu punto de inflexión na CAA chegou ao incorporarme a un centro de educación especial. Alí había moitos nenos sen voz, pero moi poucos apoios para comunicarse. Lembro os PECS, e como buscabamos intereses para motivar aos nenos a que nos entregasen as famosas tarxetas. Lembro levar gusanitos ou xoguetes para premiar cada intento de comunicación. Ao principio parecía que funcionaba, pero axiña vin que estabamos atrapados nunha especie de troco sen auténtica comunicación.

Aquilo non me convencía. Sentiame inútil e frustrada. Aquelo parecía máis un adestramento de golfiños que unha interacción humana real. Tiven claro que o sistema PECS non era para min. Non me parecía ético nin respectuoso. Negueime a aceptar que ese fose o único camiño posible.

Foi daquela, xa non sei se navegando por internet ou falando cunha compañeira nas redes, que lin tres palabras que mudaron a vida: linguaxe natural asistida.

Unha forma de potenciar a comunicación dos nenos e nenas respectuosa, natural, coherente cos meus valores e coa miña forma de entender a comunicación.

Desde entón non deixei de formarme, de ler, de buscar recursos, de compartir experiencias.

Cometín milleiros de erros ao comezo. E hoxe? Tamén. Milleiros.

Teño dúbidas, medos, inquedanzas. A miña inseguridade segue presente e, de cando en vez, susúrrame: “Diana, que estás a facer? Non tes nin idea!”

Hai cinco anos empregaba o Let Me Talk como se fose un comunicador robusto. Daquela non sabía que non o era. Simplemente tiraba coa ferramenta que tiña á man, tentando axudar.

Pero tiña claro algo: quería mellorar. E así sigo. Formándome, aprendendo, compartindo. No camiño.

Se ti estás comezando: sigue. Non teñas medo de errar. Busca unha rede de apoio e lánzate ao mundo da CAA. Non hai que facelo perfecto. Hai que facelo, e mellorar paso a paso.

Onte, sen ir máis lonxe, tireime á piscina. Unha piscina que eu vía como un pozo sen fondo e cheo de pinchos. Tocaba dar unha formación a familias.

Sempre tiven claro que as familias son a clave. Desde que fun nai, enténdoo aínda máis. Cando traballo cunha familia, entrégome por completo. A conexión que se crea, a confianza, as emocións compartidas... non teñen prezo.

Pero formar a familias... iso era outro cantar. Pensaba que non estaría á altura. Sempre tiven vértigo.

Aínda así, fíxeno. Tireime. Esquecín o síndrome da impostora e agarreime á miña vontade de axudar desde a emoción e a actitude. E sabedes que? Sentinme ben.

Atopei familias motivadas, dispostas, con ganas. Como me dixeron algunhas: “E quen máis que nós pode estar interesado?”

Tamén atopei persoas coma min: cheas de dúbidas, medos e perdidas nun mar de información contraditoria. A veces, reciben mensaxes diferentes dende a escola e dende as terapias.

Nesas situacións só podo dicir: a formación é poder. Se vos formades, poderedes tomar decisións, escoller profesionais que vos acompañen e estean en sintonía cos vosos valores. Os bos profesionais —da escola ou da terapia— recoñeceredelos pola súa actitude de escoita, polo desexo de empoderarvos, pola vontade de traballar en equipo máis alá dos egos.

Neste camiño, vós levades o temón. Rodeádevos de quen vos sume. Desenvolvede espírito crítico. E lembrade: non estades sós.

Construíde a vosa rede de seguridade con xente elixida dende o coñecemento, non dende a desesperación. Formádevos, lede, e sede os maiores facilitadores da comunicación dos vosos fillos e fillas na casa.

Non vos convertades en dependentes do contexto.

Con todo o meu agarimo,

Diana (mestra de ninguén)

Comentarios