Onte tiven a sorte de impartir un curso dirixido a familias de nen@s que empregan comunicadores dinámicos, no que abordamos o uso da Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) e o enfoque da linguaxe natural asistida. Durante a sesión, xurdiu unha reflexión moi interesante por parte dun pai, que compartiu unha observación feita por unha terapeuta: esta profesional afirmara que, cando o seu fillo o colle da man para levalo a un lugar ou para facerlle unha petición, estaba a "instrumentalizalo", tratándoo coma un obxecto.
Considero importante facer unha pausa aquí e analizar esta afirmación dende unha perspectiva comunicativa e respectuosa co desenvolvemento infantil.
A realidade é que a comunicación é inherentemente multimodal. Non se limita á fala nin ao uso dun dispositivo. Inclúe xestos, miradas, expresións faciais, movementos corporais e, si, tamén coller da man. Especialmente nos primeiros estadios do desenvolvemento comunicativo —ou cando existen grandes dificultades no uso da linguaxe oral—, os nen@s recorren aos medios que teñen dispoñibles para facerse entender.
Collelo da man non é instrumentalizar, é comunicar. É unha forma válida, lexítima e funcional de interacción social. É unha expresión de intención comunicativa, unha tentativa de conexión. Tal e como sinalan Light & McNaughton (2012), "os sistemas de CAA deben basearse en recoñecer e ampliar os modos naturais de comunicación xa existentes, non en substituílos ou desvalorizalos".
Dende a perspectiva da linguaxe natural asistida, aproveitamos eses momentos de interese do neno ou nena para modelar no comunicador frases como “quero ir a...” ou “imos xuntos a...”. Así, sen anular a forma de comunicación que o nen@ xa domina (coller da man), ampliamos o seu repertorio comunicativo ofrecéndolle novos recursos que lle permitan expresarse con maior precisión e autonomía no futuro.
É fundamental que como profesionais e familias valoremos e celebremos cada intento comunicativo, sexa cal sexa a forma que adopte. A conexión humana non sempre chega a través das palabras; ás veces chega a través dun xesto, dunha mirada... ou dun pequeno que nos colle da man para dicirnos: “ven comigo”.
Comentarios
Publicar un comentario