La diversidad en el espacio: DEIXÉMONOS LEVAR (en gallego)


Comezo comentando que a miña experiencia nin é moita nin é a mellor, sen dúbida falta camiño por percorrer, son unha mestra máis que hai uns aniños se namorou dunha forma diferente de traballar na escola co alumnado en xeral e cxs alumnxs con NEE en particular. 
Nesta profesión do profesorado non todo vale, aínda que só uns cantos nos vamos dando conta ós poucos. Non obstante, teño a corazonada que vale máis o entusiasmo duns que o pasotismo doutros, así que co tempo, onde no acceso se premien as ganas de traballar e a necesidade de chegar ás potencialidades do alumnado, conto con que o bo facer se contaxie e o proceso de ensino-aprendizaxe sexa diferente.
 As crianzas son lenzos en branco, gardan dentro de si un abano de posibilidades co que poucas veces contamos, o cal se acrecenta se estamos fronte a un ANEE. 
Cheos de dúbidas, case sempre recorremos a informes anteriores, como se iso fose a panacea, tampouco digo que iso esté mal feito, pero as máis das veces xera en nós unha idea preconcibida que moi pouco nos vai axudar na intervención co alumnado. 
Que facer logo? Sinxelo, non o compliques, garda un ratiño todo o teu marabillloso material, ese que levas anos elaborando, específico na atención á diversidade, ese que tes distribuído por áreas de aprendizaxe e adaptado ás máis novidosas metodoloxías educativas, e achégate ó alumnx. Coñéceo, deixa que te coñeza. Que son dúas semanas, pois dúas semanas para xerar un ambiente de confianza, para entender as miradas, para comprender a necesidade dunha rutina, para achegarnos un chis as súas fortalezas e debilidades, para explorar os seus intereses.., en fin, para ter unha visión o máis obxectiva posible respecto a onde estamos e a onde queremos chegar. 
Neste punto gustaríame sinalar que os obxectivos deben ser realistas e por riba de todo que atendan a unha única última finalidade: mellorar a calidade de vida dx alumnx, esa debe ser a nosa máxima.
 As familias, esa mamá ou ese papá implicados e coñecedores do seu neno “espacial”, agradéceno, porque aínda que esperan melloras, non necesariamente teñen que ser sempre dende unha perspectiva académica e moitisimo menos dunha gran visibilidade social. As pequenas xestas do día a día marcarán a diferencia. 
Para ir rematando, apuntar que creo sinceramente que teñen máis que ensinarnos os nenos a nós que nós a eles, así que deixémonos levar.


Autor: Anónimo

Comentarios